Se falamos de CAPTCHAS probablemente moi poucos saberán de que trata o tema. Mais se falamos deses recadros presentes en determinadas webs nos que nos pon a proba a nosa vista para descifrar conxuntos aleatorios de letras o números, a cousa xa estará un pouco máis clara. Ou sexa: que estamos a falar deses exames ópticos en liña que, en troques de servir para avaliar a nosa vista (aínda que tamén), contribúen a evitar que a Rede estea máis en mans de cousas que das persoas, xa que se dá por suposto que se non somos quen de descifrar eses códigos non somos outra cousa que cousas, para o caso robots, polo que xa nos dan coa porta nos fociños (é un dicir).
Enleadas aparte, todo isto vén a conto para sinalar que a Rede vai cara a adiante, e que os CAPTCHAS (Completely Automated Public Turing test to tell Computers and Humans Apart) non ían ser unha excepción, e que a súa nova face, a súa face 2.0 (ou 3.0, vaia vostede a saber), resúmese nos reCAPTCHAS, que son algo así como o novo movemento de ficha dos humanos perante as meirandes capacidades dos robots en liña, eses que son ceibados cada día por determinada facción de internautas co obxectivo de facerse con información ou cartos.
Os reCAPTCHAS, segundo informa estes días Pixel y Dixel nun artigo no que se fai mención da orixe destes tests (estando o xermolo nas investigacións de Alan Turing), a explicación da natureza das novas ferramentas vai inserida no seu propio nome: trátase dunha especie de caneo futbolístico aplicado á tecnoloxía que non fica só nun simple alarde, senón que (polo visto) ten unha función social e cultural. Algo así coma habilitar un ximnasio onde toda a enerxía xerada polos musculiños non se perda, senón que sirva por exemplo para xerar calor limpo e de balde para os invernos. No caso concreto destes reCAPTCHAS falamos de tests que en troques de letras ou números presentan verbas obtidas de libros antigos que os programas de recoñecemento de escritura aínda non rexistraran, engadíndolles as doses acostumadas de distorsión. Deste xeito, colles dous peixes dunha tacada: por unha banda ficas tranquilo logo de amosarlle ó mundo Web que es un ser humano e pola outra contribúes á dixitalización de libros antigos.
Neste senso, cómpre sinalar que o programa semella que vai dar resultado: é un servizo de balde, podemos integralo no noso caderno (a través do plugin de WordPress) e mesmo hai opcións para persoas con problemas visuais, empregando neste caso o son.
Os CAPTCHAS mudan a súa feitura e vólvense sociais e sostibles
Compartir Este Artigo

