Un pacto de colaboración para que as novas tecnoloxías estean máis presentes no eido educativo e na investigación, beneficiándose mutuamente. Este é o gran obxectivo do acordo que veñen de asinar a Universidade de Santiago e máis a empresa Coremain, con sede na mesma cidade. A alianza, que se deu a coñecer este luns pola mañá no Colexio de San Xerome nun acto oficial no que participaron o reitor da USC, Senén Barro e máis o director xeral da dita firma tecnolóxica, Manuel Balseiro, inclúe en realidade dous convenios: un convenio marco e outro específico. Ambos comparten obxectivos: desenvolver accións conxuntas para afianzar o emprego das novas tecnoloxías na docencia e na investigación universitaria.
A través deste acordo, que tamén vai encamiñado a xerar posibilidades de traballo no eido tecnolóxico, Coremain achegará relatores e documentación técnica de apoio para seminarios formativos que teñan relación coas titulacións da USC no eido das novas tecnoloxías da información. Ademais, a firma compostelá comprometeuse a recoñecer con 300 euros ó mellor proxecto fin de carreira en cada unha das titulacións da USC, outro da mesma contía e unha bolsa de inserción laboral de polo menos seis meses para un dos estudantes do Programa TIN que obtivera o Diploma de Estudos Avanzados con traballos de temática de interese para a empresa, e un último premio de 750 euros para un dos estudantes cuxa tese doutoral fora tamén de interese, segundo apunta a USC.
Coremain tamén ofrecerá dúas prazas para prácticas en empresas, bolsas de inserción laboral e tarefas de formación de titulados no eido TIC a través da achega de equipamento docente por un máximo de 3.000 euros ó ano.
A USC e Coremain daranlle azos ás novas tecnoloxías na educación universitaria
Compartir Este Artigo

