A investigación galega semella que fala estes días cunha nota máis alta. Ben porque se están a celebrar aínda algunhas actividades da Semana da Ciencia (que en Galiza teñen o obxectivo de sacar a I+D dos centros de estudo e poñela perante os nosos ollos, afacéndoa á nosa linguaxe e ó noso xeito de ver as cousas) ou ben por recoñecementos como o que veñen de recibir o Centro Tecnolóxico Aimen e o estaleiro Aister, concretamente polo seu innovador prototipo de bote de rescate. Este proxecto, que conta co apoio da Dirección Xeral de I+D, consiste basicamente na creación dun barco miúdo e rápido de aleacións de aluminio e soldado a través de procesos robotizados.
O bote de rescate, que grazas ós materiais cos que está fabricado tería unha “vida” máis longa có da meirande cantidade de embarcacións desta índole dispoñibles no mercado, foi obxecto do primeiro premio na Feira Internacional de Soldadura que se celebrou en Chicago a semana pasada e organiza a American Welding Society.
Segundo explica o propio Centro Aimen, “a novidade da embarcación rápida de salvamento radica tanto no seu material, como na técnica de soldadura”. Dito doutro xeito: en troques de poliéster ou fibra de vidro (elementos empregados decote neste tipo de botes) apostouse polas aleacións de aluminio, traballando deste xeito a prol da durabilidade e da seguridade.
A embarcación foi desenvolvida a través de procesos de soldadura robotizados, “co que se reduce considerablemente a defectoloxía asociada á soldabilidade das aleacións de aluminio”, sinala Aimen, que xunto con Aister vén de iniciar os trámites para que unha sociedade clasificación homologue este proxecto, que vai ser dado a coñecer en Navalia, no vindeiro mes de maio en Vigo.
Un prototipo de bote de rescate feito con tecnoloxía galega, premiado en Estados Unidos
Compartir Este Artigo

