O colectivo Agnix vén de estrear face na Rede. A idea desta renovación é a que debería extraerse de debaixo de calquera renovación (mais non sempre ocorre así): mellorar a forma para que o contido chegue máis e mellor ós usuarios. Máis polo miúdo e segundo apuntan os responsables desta plataforma galega a prol da divulgación do software libre, o que se pretendía era acadar un deseño máis limpo, ancho e dinámico. Isto no que respecta á feitura. No que atinxe ós contidos (que gozan de novo xestor, da man de Drupal), tamén hai novidades, e moitas.
Para comezar, atopamos unha vontade de tirar partido ó máximo das fontes RSS co fin de “colleitar novas dos blogues dos editores e doutras fontes de información destacadas no eido tecnolóxico, sobor de todo libre”.
Sinalar que Agnix é unha asociación sen arela de lucro que naceu e medrou para poñer o software libre o máis preto posible dos galegos e galegas e, en virtude disto, traballar a prol da súa alfabetización dixital e dun acceso en mellores condicións á Rede e ós seus recursos. O traballo de anovación, que foi levado a cabo polo colectivo de xeito íntegro, vai dirixido tamén a reforzar a consecución do obxectivo devandito. Dito doutro xeito: as mensaxes escóitanse máis e mellor cun novo altofalante, e, se este está ben deseñado, mellor que mellor.
Parabéns en definitiva pola nova proposta ós nosos amigos de Agnix.
Agnix estrea nova face na Web
Compartir Este Artigo

