
Trala constitución do Consello Asesor do Libro, a conselleira Ánxela Bugallo e o director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, presentaron o novo portal, do que xa se viña a falar dende 2006, de aí que sexa unha boa nova que se concretase finalmente este interesante proxecto.
A praza das letras na Internet aglutina na Rede as diferentes accións da Consellaría para o fomento do libro e a lectura, contando coa participación e apoio dos colectivos implicados no sector do libro.
O portal conta cun extenso catálogo de autores en lingua galega, no que aparecen máis de 850 escritores, ilustradores e tradutores, dos que se achegan dende datos básicos ata unhas reseñas biográficas completas. Tamén conta cunha sección de actualidade con novas relacionadas co libro galego, os premios literarios e as feiras do sector (así como distintos actos coma obradoiros, tertulias, certames…).
Agárdase que no futuro a web aumente as súas prestacións incorporando unha maior participación por parte do usuario e mesmo unha editora virtual, pensada para incentivar a creación.

O libro galego estrea portal de referencia
Compartir Este Artigo

