
A agardada presentación comezou con detalles sobre o SDK para facer aplicacións para o iPhone, que demostrou ser moi completo e doado de empregar, e que abriu a porta a unha chega de aplicacións que a partir de agora se poderán descargar (pagando ou de balde, segundo o caso) dende a App Store, que sería unha especie de iTunes de programas e xogos, dos que se deron a coñecer os máis representativos:

Adiantadas estas aplicacións (que agás os xogos, serán de balde) chegou o momento da produtividade, e adiantaron detalles da tecnoloxía push para o iPhone, o que inclúe tamén un sistema de mensaxería instantánea que emprega esta solución para un menor consumo de recursos e batería. Esta funcionalidade está pensada especialmente para compatibilizar o iPhone con Exchange ActiveSync, solución de sincronización moi habitual en contornos corporativos, ou sexa, que finalmente adaptaron o dispositivo para o uso empresarial, para así poder competir coa plataforma Blackberry de RIM.
Os usuarios tamén agradecerán que os ficheiros de Word, Excel e PowerPoint se poderán ler no iPhone (como antes tamén pasaba cos PDF), e todas estas melloras estarán presentes nos actuais móbiles de Apple a través dunha actualización do seu firmware que no caso do iPod Touch será de pago (9,95 dólares).
MobileMe
Apple leva tempo dando o servizo .Mac para os que queren ter a súa información (correo, contactos,calendario…) na Internet e agora se renova para o iPhone pasando a darse a coñecer coma MobileMe, de xeito que os usuarios actuais diranlle adeus ao dominio mac.com e pasarán a usar me.com.
MobileMe permitirá agora levar os usuarios correo, calendario e contactos con tecnoloxía push, galería fotográfica e ata 20 Gb de almacenamento xestionado a través un atractivo iDisk. Supón así un avance na sincronización entre o iPhone e os ordenadores que empregue o usuario (tanto Mac coma PC), e permitiría a calquera usuario que contrate este servizo acceder a prestacións que normalmente están reservadas a usuarios de solucións coma Exchange.
iPhone 3G
Tras uns 90 minutos de presentacións totalmente predicibles, Steve Jobs comezou a falar do que todos os asistentes estaban a agardar: o novo iPhone.
Confirmou que o novo móbil tería conectividade 3G, se vendería en máis países (entre os que agora si está España), sería máis económico e contaría con aplicacións de empresas alleas a Apple.
Para que o novo móbil se distinga do actual, o iPhone cambia a súa carcasa traseira metálica por unha carcasa de plástico que se poderá adquirir en branco ou negro, mentres que os botóns pasan a ser metálicos.
Tamén melloraron a autonomía da batería do iPhone, que agora aguanta 300 horas en espera e 10 horas en conversa 2G (5 en conversa 3G), permanecendo igual a súa autonomía para usos de vídeo, música ou navegación web.
A outra grande novidade do iPhone 3G é que agora leva receptor GPS integrado, polo que a xeolocalización é máis precisa que no modelo actual (que a fai mediante triangulación de antenas Wi-Fi e de telefonía móbil).
Pero o anuncio máis importante de cara ao éxito global do iPhone foi o prezo que deu a coñecer Jobs, pois o móbil pasaría a venderse a 199 e 299 dólares nas súas versión con capacidade de almacenamento interno de 8 e 16 Gb respectivamente, o que supón una seria rebaixa dende os 399 dólares que actualmente custa o modelo de 8 Gb.
O iPhone 3G terá unhas dimensións de 115,5 x 62,1 x 12,3 mm e 133 gramos de peso, polo que os cambios con respecto da versión anterior son inapreciables. Quedan así desbotados os rumores que apuntaban por un terminal moito máis fino e con máis capacidade de almacenamento, e mesmo a cámara integrada continúa a ser de 2 Mpíxeles (e non pasa a ser de 5 Mpíxeles). Deste xeito, a información exclusiva que esta mañá adiantou o ABC resultaron estar moi pouco atinadas.
A chegada do iPhone ás tendas españolas será o vindeiro 11 de xullo, e é de agardar que en breve se celebre unha presentación local na que se detallen os prezos do terminal e os contratos cos que se poderá adquirir.
Spot do novo iPhone
