Coma a Wikipedia pero con restricións. Este, o de deixar vía libre á colaboración dos internautas pero facéndolles antes un exame sobre o que saben e de cales son as súas intencións, é o vieiro elixido pola Enciclopedia Británica para a súa nova andaina no mundo, e máis concretamente no mundo dixital (que, para todo o que teña que ver co coñecemento é como dicir “futuro”). O caso é que a iniciativa non tería repercusión nos medios senón fora por un pequeno detalle, tal e como se nos informa en Mancomun e máis en Agnix: a Enciclopedia Británica nunca salientou precisamente por ver con bos ollos o modelo da Wikipedia baseado no traballo ombro con ombro (vemos a opinión ó respecto neste pdf). Pero o tempo vai pasando e, coma sempre, pon as cousas no seu sitio.
Volvendo ao sistema estreado pola Enciclopedia, dicir que ten algunhas semellanzas coa Wikipedia pero tamén diferenzas. Entre as primeiras, atopamos a aposta polo traballo colaborativo con usuarios que crean os seus propios contidos directamente relacionados co coñecemento en xeral e que logo fiquen de xeito accesible para todos os internautas.
Con todo, a iniciativa deixa un pé fóra da Web 2.0, e faino para poder prescindir do seu alicerce máis democrático. Ou sexa, que os usuarios deberán certificar que están ben informados e que non teñen máis intención que a de seren obxectivos. Só así estarán en disposición de redactar as súas entradas ou comentar as propias ou as de outros. Haberá recoñecemento da autoría pero non retribución económica.
A Enciclopedia Britántica aposta agora polo traballo cooperativo
Compartir Este Artigo

