Todo sexa pola non violencia na prensa do corazón, tanto de uns (os fotografados) coma dos outros (os que fotografan). Este co que abrimos ben podería ser o lema dun equipo de investigadores da Universidade de Bar Ilán (no extrarradio de Tel Aviv) que vén de presentar un dispositivo tecnolóxico que é quen de neutralizar imaxes ou gravacións de vídeo en cámaras dixitais que estean a piques, precisamente, de obter imaxes ou gravacións. O dispositivo, que no caso de converterse en realidade no mercado podería remediar de xeito pacífico e rápido (e cun só clic) unha boa parte das incursións (en moitas ocasións ao límite do legal) dalgúns xornalistas, está aínda en fase de deseño, pero pasando xa o limiar da proba crítica, tal e como se sinala estes días en La Voz.
Tanto é así, que a tecnoloxía mesmo acaba de ser impulsada cun financiamento nada desprezable de 900.000 dólares procedente dun fondo público de investimento. Nas fontes da nova, nas que non hai nada que indique quen está detrás dese fondo (se cadra unha especie de corporación ou clúster de maridos ou esposas infieis unidos ó abeiro da tecnoloxía para protexer a privacidade das súas manobras), sinálase por outra banda que non se trata dun escudo ou protección de longo percorrido contra fotografías non desexadas, senón máis ben do que poderíamos chamar “estragador electrónico de imaxes a curta distancia”. Ou sexa, que se limita a luxalas para que non se vexan. Así de sinxelo.
Na imaxe, un certo homenaxe aos paparazzi na cidade de Bratislava.
Desenvolven un dispositivo para estragar imaxes e gravacións de vídeo
Compartir Este Artigo

