Entre as actividades postas en marcha nos últimos anos para introducir a programación aberta a todos os niveis do eido universitario estatal, unha das máis salientables é o Concurso Universitario de Software Libre, un certame que xa vai pola terceira edición e que se desenvolve de xeito paralelo ao ano académico. A actividade, que foi presentada os días pasados, estará un ano máis aberta á participación de estudantes universitarios de primeiro e segundo ciclo do ámbito español. Os seus obxectivos son, como dixemos, os de axudar ó afianzamento da programación aberta na ensinanza superior grazas a outra acción de afianzamento previa e complementaria: a da comunidade universitaria de software libre.
Segundo informou os días pasados mancomun.org, a idea é contribuír a un ben colectivo (a mesma idea que acompaña o desenvolvemento do software libre, a fin de contas), polo que os proxectos inscritos serán ceibados a través da forxa de RedIRIS para logo pórse a disposición da comunidade en liña a través dun blog.
Sinalar que o caderno en liña ficará aberto á incorporación das propias impresións dos seus autores acerca do seu desenvolvemento. Polo que atinxe aos detalles máis miúdos da presentación de iniciativas, dicir que o prazo de inscrición comeza o 15 de setembro e fica habilitado ata o 10 de outubro. A formalización poderase levar a cabo a través da web do evento. Asemade, a organización do certame mantén arestora aberto o prazo para a presentación de patrocinios a calquera entidade interesada en participar. Con esta medida procúrase un incremento na contía en premios, que foi de 6.000 e 15.000 euros na primeira e segunda edición, respectivamente.
Xa está en marcha a terceira edición do Concurso Universitario de Software Libre
Compartir Este Artigo

