O anunciado salto do escritorio á web por parte de Joost avanza a bo ritmo, e o servizo de vídeo obra dos fundadores de KaZaA e Skype comeza a librarse da súa aplicación informática e se integra na web, aínda que polo momento é preciso instalar un engadido para poder acceder aos contidos de vídeo do sistema dende o noso navegador web favorito. Esta fase será temporal, pois pretenden que para o vindeiro mes a web se adapte totalmente para ser 100% Flash, de xeito que non sexa precisa a instalación do engadido mencionado.
Con este cambio Joost permite unha maior difusión dos seus contidos, á vez que se abre á web, permitindo establecer ligazóns aos seus vídeos, o que sen dúbida incrementará o seu tráfico de xeito considerable, converténdoo nun servizo de difusión de vídeo a ter moito máis en conta.
Na actualidade está a ofrecer unha ampla oferta de contidos que van dende vídeos musicais ata series de televisión como a dos Transformers, destacando por permitir o acceso a boa parte do material dende fóra dos EE.UU. (mentres que servizos coma Hulu teñen fortes restricións xeográficas).
| Presentación da versión web de Joost |
