Google segue a dar paus na Rede, pero non precisamente de cego. Desta volta anímase cun servizo encamiñado a mellorar o emprego que lle damos á Internet e, tamén, a desencadear accións ben concretas na competencia directa: crebadeiros de cabeza. Falamos de Gaudi (Google Audio Indexing), unha ferramenta integrada dentro de Google Labs que estará proximamente ao alcance dos internautas e que completa as capacidades do motor de busca do xigante de Internet abranguendo a procura de vídeos sen necesidade de visualizalos ao completo.
Os obxectivos da compañía con Gaudi son máis ou menos os mesmos cós das solucións precedentes de Google: tratar de facer a Web máis útil e doada de manexar, organizar de mellor xeito a información (para Google e para os seus usuarios) e, de paso, incrementar a súa propia presenza no eido virtual.
Segundo explica a propia empresa no seu blog-obradoiro, Gaudi limítase polo de agora a ordenar e achegar vídeos de índole política, máis concretamente vinculados ás eleccións presidencias de EE UU, aínda que axiña poderemos asistir á apertura do servizo a todo tipo de contidos. Gaudi apóiase sobre unha tecnoloxía que é quen de asimilar ao completo o son de vídeo para atopar o intre preciso do arquivo que o usuario solicita. Funciona máis ou menos igual que o buscador clásico: cun recadro en branco onde facer as procuras.
Google dá a coñecer Gaudi, a ferramenta de procuras de audio
Compartir Este Artigo

