O Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) ten programadas para este outono unha serie de actividades formativas vinculadas de xeito directo ao emprego das novas tecnoloxías no eido empresarial. A primeira e máis longa (posto que se estende desde este mes de novembro ata xullo de 2009) é a primeira edición do curso de posgrao universitario Las TIC en la Gestión Estratégica de la Calidad y de la Innovación. A iniciativa, que vai encamiñada a responder ás novas demandas das compañías no seu labor de procura dun bo posicionamento no mercado, xira arredor do que para ITG sería o punto de partida básico de toda actividade idónea de xestión: o emprego de novas solucións tecnolóxicas vinculadas á información, que fan o traballo corporativo máis sinxelo e eficaz.
O curso, que inclúe ao rematar un título oficial da Universidade da Coruña, consta de 250 horas, impartidas de 16.00 a 21.00 horas (os venres) e de 9.00 a 14.00 horas (os sábados). O profesorado encargado de impartir os contidos provén de empresas de primeira liña no eido das ferramentas dixitais: Aenor, Coremain, Indra, ITG, Telefónica I+D ou Wireless Galicia. Tamén haberá, entre outras, achegas formativas da UDC.
Por outra banda, cómpre relembrar que aínda está aberto o prazo de inscrición para o seminario especializado Gestión de la Calidad del Ciclo de Vida del Software, unha actividade formativa achegada por AENOR, a entidade española normalización e de certificación web.
O seminario, que se desenvolve de xeito presencial, terá lugar na sede de ITG na Coruña e incluirá unha duración de 14 horas, a desenvolver os días 29 e 30 de setembro. O obxectivo de AENOR e do ITG é fornecer ao empresariado galego de ferramentas e coñecementos útiles para unha meirande rendibilidade dos recursos. Con este fin, levaranse a cabo sesións de transmisión dos datos puramente teóricos e, logo, o profesor organizará entre os participantes grupos de traballo para a realización de casos prácticos, “de xeito que exerciten a metodoloxía exposta”.
O ITG achega as claves para tirarlle partido ao software no empresarial
Compartir Este Artigo

