É ben posible que moitos de nós atopáramos algunha que outra páxina web imposible de cargar na nosa sesión redeira de hoxe. Cómpre non preocuparse nin pensar en ataques masivos. Trátase polo visto dunha incidencia que está a afectar a algúns espazos web e que vén motivada por algo tan sinxelo (e teoricamente tando doado de solucionar, aínda que a cuestión estase a estender no tempo moito máis do que sería normal: dende as 23.30 horas de onte) como un fallo eléctrico nun centro de datos. Pénsase que o problema, que afecta sobre todo aos usuarios de Ya.com, tivese a súa orixe nun data center de Telvent, segundo informa Elpais.
Entre as medidas que se están a desenvolver para que a caída do subministro de enerxía non vaia a máis -e atoparlle solucións- atopamos a posta en marcha para os usuarios afectados dun Twitter para dar conta polo miúdo de toda novidade ao respecto.
Por certo que no devandito xornal en liña fanse eco dun posible remedio achegado por ADSLzone.net para esta avería en concreto: “Substituír as DNS da operadora Ya.com por outras, por exemplo as de Telefónica”. A propia web ten un apartado de DNS dende o que se pode obter algún recurso máis.
Por certo que entre as webs danadas pola avería (de maneira temporal) atopamos Realmadrid.com (arestora operativa), Cope.es ou a propia Ya.com.
Unha avería na Internet provoca a caída dunha chea de webs
Compartir Este Artigo

