Democom, novo operador galego posto en marcha para dar máis cobertura á nosa terra nos eidos das redes e das telecomunicacións, estase dando a coñecer estes días pola vía do dixital (mediante a súa web, e-mails de convocatoria, etc) e, sobre todo, a través dun itinerario de presentacións e actividades varias que vai levar á compañía por unha chea de recantos das nosas catro provincias. O dito road-show, que comeza hoxe no centro de Rianxo ás 11.30 horas logo das sesións piloto da semana pasada en Chantada e Santa Comba, tamén incluirá unha serie de demostracións prácticas dirixidas a dar conta dos servizos que achega a empresa galega. Estes, sobre todo encamiñados ao eido profesional, e máis polo miúdo ás institucións locais (todo o que atinxe ás comunicacións nos concellos), están baseados en tecnoloxía DMR, estándar ETSI do que xa temos falado nesta mesma web para informar dos primeiros pasos de Democom.

Por certo que logo de Rianxo, está previsto que o percorrido da firma pola nosa xeografía abranga ata 50 concellos, entre os que se contan estes que sinalamos a continuación: Carballo (o día 24 de setembro), As Pontes (o 30 de setembro), Narón (1 de outubro), Vilanova de Arousa, O Barco de Valdeorras, Allariz, Monforte, Sarria, Ribeira, Vilagarcía e Verín, amais das sete principais cidades galegas: A Coruña, Vigo, Santiago, Ferrol, Pontevedra, Lugo e Ourense.
O obxectivo desta xira de Democom, operador impulsado polas firmas galegas ITC e Demotecnia, é mobilizar a meirande cantidade de recursos, tanto dende o punto de vista humano (con dous técnicos e tres enxeñeiros que darán conta das utilidades do sistema) como tecnolóxicos (con cinco equipos portátiles, unha unidade de telecomunicacións transportable de emerxencias e outra de traballo que se situará no centro das vilas que se visiten e que fará de posto de control).
O operador galego Democom comeza en Rianxo a súa xira de presentación por 50 concellos
Compartir Este Artigo

