A rede social MySpace lanza hoxe un servizo de descarga de música en My Space Music. A canle, que se constitúe como unha das escolmas musicais en liña de meirande envergadura (vai haber centos de milleiros de temas procedentes dalgunhas das discográficas de meirande peso no mercado), vai ter tamén unha audiencia digna de que a teñamos en conta: terá diante ata 120 millóns de potenciais usuarios, a cifra de rexistrados en MySpace. O caso é que as cancións serán un pouco de balde e un pouco de pago. Cómpre explicar este punto: poderemos escoitalas en liña libremente pero para telas a man, descargadiñas no MP3, haberá que pagalas, máis polo miúdo no portal Amazon.com, e a un prezo que vai dos 0,79 dólares por tema cara a arriba.
O servizo, que segundo a prensa dos EE UU estaría en activo a partir da madrugada do xoves, non achegará temas protexidos contra copia (non inclúen os polémicos DRM), e o único requisito que teremos que cumprir para escoitalas de balde será o seguinte: recibir en liña a publicidade que MySpace considere conveniente.
Entre o máis salientable do novo servizo (un dos seus elementos diferenciadores) atopamos o seguinte: inclúese a opción para os usuarios de crear listaxes con ata cen títulos e amosalos no perfil da rede social. A idea de MySpace: superar en breve a iTunes, a primeira tenda en liña de música do mundo, polo menos ata o de agora.
MySpace estrea a súa canle de descarga de cancións
Compartir Este Artigo

