O software libre xorde directamente da colaboración. En certa maneira, traballar dende este eido en concreto da informática é un pouco como darse, polo que de aí a concibilo como unha rede de pontes de libre acceso non habería máis que un paso. Esta idea é precisamente o alicerce da iniciativa que se desenvolve este venres 3 de outubro: a nova edición do BrOffice.org 2008 (a terceira), encontro internacional sobre programación libre no que participa arreo a comunidade galega de usuarios e deseñadores.
A xuntanza, con sede en Brasil, ten o obxectivo principal de afianzar as ligazóns entre os internautas que empregan o desenvolven estas ferramentas a nivel mundial e, principalmente, entre os que forman parte da lusofonía. De aí a participación de Brasil a través de 27 cidades (vía videoconferencia), de Paraguai, de Portugal e de Galiza.
A achega galega virá en boa medida da man de Mancomun.org, en colaboración co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA). Ambas entidades encargaranse de retransmitir a xuntanza por enteiro a través de vídeo-conferencia. O evento, que non poderá ser ofrecido na súa totalidade por mor das diferenzas horarias con Brasil, dará comezo en Santiago ás 14.30 horas e desenvolverase ata as 21.30 horas, coincidindo co descanso previsto polos responsables do congreso en Brasil.
Sinalar que o BrOffice.org é un encontro que conta cada ano coa presenza dalgúns dos especialistas máis salientables en materia de redes e programas abertos do eido internacional, todos eles ligados á seguinte arela: ampliar as súas fileiras. Nesta terceira edición, informa a plataforma Mancomun.org, está xa programada a concorrencia do responsable do proxecto OpenOffice.org, Louis Suares-Potts, ou o do propio proxecto BrOffice.org (o paquete libre de ferramentas ofimáticas desenvolvidas pola comunidade brasileira), Claudio F. Filho. O evento será transmitido por vídeo-conferencia nun total de 27 cidades en Brasil, ademais de puntos en Portugal, Paraguai e Galiza.
Os interesados en participar no encontro deberán achegarse na data sinalada ao Instituto de Investigacións Agrobiolóxicas de Galicia (campus Sur) de Santiago de Compostela, previa confirmación de asistencia no enderezo eventos@mancomun.org.
O CESGA e Mancomun.org retransmiten o gran evento lusófono do software libre: BrOffice.org
Compartir Este Artigo

