
Máis en detalle, a actualización do CLUVI, presentada o luns por Xavier Gómez Guinovart (coordinador do proxecto) e Alberto Álvarez Lugrís (profesor), é catro veces máis grande có resto de dicionarios que hai arestora dispoñible na Internet sobre estas dúas linguas.
Ente as grandes novidades que inclúe esta segunda edición podemos salientar a seguinte: todo o traballo foi desenvolvido a raíz dun corpus de traducións inglés-galego de 10 millóns de termos, incorporándose en consecuencia exemplos de emprego real en cada unha das acepcións incorporadas nas diferentes entradas.

Asemade, para esta actualización do volume en liña abriuse (unha vez máis) o camiño a novas verbas de aceptación recente, como é o caso de “pirata informático” ou “Viagra”.
O dicionario, que ten tras de si unha década de exhaustivos traballos de investigación por parte do devandito Seminario, podería estar dispoñible en formato tradicional (libro) antes de que remate o ano, estando só (polo de agora) accesible pola vía de Internet.
Amais de dar a coñecer o novo CLUVI, a Universidade de Vigo afondou noutros proxectos lingüísticos apoiados en semellantes ferramentas de traballo, as dixitais. É o caso da Neoteca, unha iniciativa que, como o seu propio nome indica, constitúe unha escolma de neoloxismos que xa está dispoñible para os investigadores.
O proxecto Neoteca, levado a cabo polo grupo TALG (grupo de traballo en Tecnoloxías e Aplicacións da Lingua Galega), complétase con outra iniciativa en desenvolvemento: Termoteca, un recurso da Universidade de Vigo encamiñado a facilitar o acceso á terminoloxía lingüística especializada de certos eidos laborais, como por exemplo o do Dereito ou o da Informática.
A Universidade de Vigo dá a coñecer o dicionario inglés-galego máis exhaustivo da Internet
Compartir Este Artigo

