O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia vén de facer reconto do acadado ao longo da súa –polo de agora- breve vida no eido da divulgación gratuíta en materia de canles dixitais no eido laboral galego. Segundo informou hoxe a Consellería de Traballo (departamento responsable en boa medida da súa posta en marcha), o complexo con sede en Conxo (Santiago) xa recibiu máis de 1.150 solicitudes para a participación en actividades formativas. O centro, que foi posto en marcha o pasado 5 de setembro e contando cun orzamento de partida de 5,5 millóns de euros, ten arestora 16 cursos ofertados, 10 dos cales rematan o seu prazo de inscrición este domingo, polo que é ben probable que estes días se dispare a cifra de persoas que contacte co complexo co fin de inscribirse nas súas actividades.
Máis polo miúdo, para a primeira quenda de accións formativas xa hai máis de 600 peticións rexistradas, o que constitúe un total de 4,05 solicitudes por cada praza ofertada. Para os cursos que teñen o prazo aberto ata o 31 de outubro presentáronse polo de agora 541 peticións, ou sexa, 6,01 solicitudes por praza, cando aínda resta un mes para que finalice o período de inscrición.
Para participar nese programa formativo en concreto, o único requisito que se pide (amais do propio rexistro) é a superación dun exame previo á propia actividade educativa. Este responde á seguinte arela do centro: crear grupos de alumnos con coñecementos tecnolóxicos equiparables e, ao mesmo tempo, abondos como para afrontar os cursos cunha base mínima de información.
Polo que respecta ao emprego da web do centro ao longo deste mes escaso de vida, a Consellería de Traballo tamén deu a coñecer unha serie de datos de interese. En liñas xerais, constátase un elevado número de visitas, o que dá conta (informa o departamento da Xunta) do alto interese que espertan arestora entre os traballadores galegos as achegas educativas arredor das novas tecnoloxías da información, dato aínda máis salientable se temos en conta a natureza técnica e especializada das cuestións tratadas. Así, entre o 8 e o 28 de setembro rexistrouse unha media de 221 accesos por xornada, ata acadarse un total de 6.400 visitas.
O programa de actividades
Por certo que no balance dos froitos acadados ata o de agora polo centro, a Consellería de Traballo tamén achegou información sobre o programa de actividades a curto, medio e longo prazo do devandito complexo. O programa, que está definido ata o vindeiro mes de xuño incluíndo ata 50 cursos especializados, ten un obxectivo duplo: por unha banda avaliar as necesidades de novas tecnoloxías que ten o mercado actual de traballo e, pola outra, traballar pola cualificación de especialistas no sector e pola certificación axeitada dese coñecemento adquirido.
Para facérmonos unha idea da índole da achega formativa do centro, Traballo informou polo miúdo do que se está a ofertar, sen ir máis lonxe, este mes de outubro: cursos dedicados á programación en Java ou á administración de sistemas Windows Server 2008 – MCITP Server Administrator. En novembro desenvolveranse, entre outras, actividades relacionadas coa dirección de proxectos informáticos ou co aprendizaxe de fundamentos de ITIL (metodoloxía para a organización e desenvolvemento de proxectos).
O Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia xa recibiu máis de 1.150 peticións de alta nos seus cursos
Compartir Este Artigo

