Oracle, multinacional de software para o eido corporativo, vén de afianzar un pouco máis a súa presenza en Galiza. A empresa, que xa ten máis de dúas décadas de experiencia no mercado español, deu a coñecer os seus plans específicos para a nosa terra a través de dous procesos diferentes pero complementarios: por unha banda a apertura da súa sede física galega na Coruña e, pola outra, a posta en marcha dunha andaina comercial que contribúa ao propio medre da empresa e, sinalou, ao desenvolvemento das novas tecnoloxías no tecido económico galego.
O acto oficial de inauguración das dependencias, situadas no Centro de Negocios BCA28 da rúa Copérnico, contou coa presenza do conselleiro de Innovación (Fernando Blanco) e máis do director do Centro de Estudos Financeiros (Juan Iranzo). Ámbolos dous, no transcurso do encontro, coincidiron no seguinte punto: a necesidade de enxergar o investimento en novas ferramentas dixitais como un factor de primeira orde para incrementar a competitividade das empresas, e tamén, como un xeito de manterse no mercado e no mundo.
Na apertura da sede de Oracle, que serviu tamén como unha xuntanza con empresarios galegos ou toma de contacto entre eles e as novas oficinas, tamén participou arreo Félix del Barrio Cruz, vicepresidente e director xeral de Oracle Ibérica, quen desvelou os alicerces da estratexia a seguir pola compañía na nosa terra: “Queremos salientar neste encontro tres piares claves da nosa xestión en Galicia: proximidade, compromiso e medre. Aos nosos partners, clientes e empregados lles garantimos o noso obxectivo de impulsar o desenvolvemento de Oracle na comunidade galega e ofrecer os mellores produtos e servizos que as novas tecnoloxías achegan ao crecemento das empresas, organizacións e sociedade en xeral”.
Por certo que a empresa tamén tivo cifras que subministrar acerca do deu volume de actividade actual en Galiza, onde conta con máis de 300 clientes dentro dos máis variados eidos: o sector público, o financeiro, a industria en xeral ou a saúde. Estes clientes e os futuros, repartidos entre A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra e Santiago, “perfilan a sede acabada de abrir como un dos emprazamentos españois de meirande potencial”, sinalou a empresa no acto de apertura.
Oracle abre as portas da súa sede galega
Compartir Este Artigo

