Os responsables da rede social de cadernos persoais en liña Bitacoras.com veñen de dar a coñecer en Madrid unha nova convocatoria dos premios do mesmo nome, encamiñados un ano máis a salientar a innovación e o valor comunicativo no panorama blogueiro castelán falante. Os galardóns, que se remontan a 2004 (un intre, non tan afastado no tempo, no que aínda ficaban en estado de latencia a maior parte dos certames que hoxe en día máis interese nos medios abranguen), inclúe este ano un total de 18 categorías, entre as que cómpre salientar algunha que outra nova achega, como por exemplo as de Microblogger do ano ou o Mellor Blog Medioambiental.
O certame, que na edición do ano pasado contou coa participación de 18.000 persoas inscritas, inclúe nesta convocatoria un marco de desenvolvemento especialmente senlleiro: en virtude do acordo asinado con Evento Blog España (EBE), a entrega de premios desenvolverase no transcurso destoutra xuntanza, perante milleiros de asistentes e durante a noite do sábado 15 de novembro.
Os premios contan desta volta co apoio de importantes empresas vinculadas ás redes e ás tecnoloxías da información e ata dalgúns dos blogs máis seguidos no panorama hispano.
Por certo que os gañadores en cada unha das categorías recibirían un computador ultraportátil de última xeración, así como unha estatua acreditativa.
Convocados os Premios Bitacoras.com 2008
Compartir Este Artigo

