
O concurso en cuestión, que iniciou a súa andaina na Rede a comezos de xullo baixo a dirección da produtora Limaia (con sede en Sandiás, Ourense), vén de pórlle fin ao prazo para o envío de obras nesta súa primeira convocatoria. Os organizadores deste festival, precisamente coincidindo co peche da dita primeira fase, están a facer reconto do acadado ata o día de hoxe: 76 participantes, 26 países, e máis de 41.000 visitas ao portal en escasamente tres meses, son os resultados da primeira fase do festival, durante a cal estivo aberto o prazo para a recepción de filmes a concurso.
A partires de agora, desde o 1 de outubro ata o 1 de decembro, comeza a fase de votación do público a través da emisión do voto on line. Polo que respecta aos premios, dicir que o festival (que conta co patrocinio oficial da Sociedade de Xestión do plan Xacobeo e Turgalicia, a través da Consellería de Innovación e da Axencia Audiovisual Galega, da Consellería de Cultura) ten programada a data de clausura para o 21 de decembro, repartíndose daquela entre os gañadores ata 22.000 euros en premios, distribuídos en seis categorías a concurso e cinco galardóns especiais.
Obxectivos e temática
Segundo apunta a produtora Limaia, Animacam concíbese como punto de encontro entre o público en xeral e os amantes e profesionais da animación en particular. A súa relación co Camiño de Santiago parte dos albores do mesmo: na era precristiá, cando xa se peregrinaba ata Fisterra para ver “morrer o sol”. Así, toma como vínculo intercontinental os solsticios de verao-inverno e, tendo en conta as distintas vías internacionais do Camiño de Santiago actuais, sube á rede para promovelas mediante a animación e divulgando o respeto á diversidade do pensamento e das culturas. Por certo que detrás da iniciativa están, máis polo miúdo, Xosé Carneiro (dirección), Xesús E. Minguet (dirección sección oficial) e Sara Prieto Barrio (comunicación).
Todo listo para as votacións no certame galego de animación en liña: Animacam
Compartir Este Artigo

