A Consellería de Presidencia vén de dar a coñecer detalles sobre unha nova aplicación informática no eido da administración autonómica, encamiñada a facer máis doado, áxil e acorde cos novos tempos o traballo nas instancias xudiciais galegas. Estamos a falar de Minerva, plataforma incluída dentro do Programa de Novas Tecnoloxías de Xustiza 2008 e que constitúe a xuízo do devandito departamento unha “completa renovación” das ferramentas de xestión e comunicación dos xulgados. O novo sistema, entre outras moitas cousas, achegaría esquemas para a tramitación, unha base flexible que permitiría levar a cabo tramitacións guiadas ou a posibilidade de que os xuíces e secretarios teñan coñecemento en tempo real sobre o estado das causas e dos procesos do seu xulgado (dispoñendo para este fin dun sistema de alarmas sobre procesos concretos).
O caso é que, segundo explica Presidencia, Minerva xa está operativa nos xulgados mixtos e traballando arreo dúas vías principais: o afianzamento das canles dixitais máis innovadoras no eido da xustiza e, por outra banda, a galeguización do mesmo pola vía do electrónico.
Xa no terreo da súa aplicación práctica actual, dicir que está a ser empregada nos xulgados do contencioso administrativo e do social en Lugo, Ourense e A Coruña, abranguéndose en breve a súa habilitación nas instancias equivalentes de Santiago, Pontevedra, Vigo e Ferrol. A posta en marcha de Minerva significa asemade o adeus definitiva a Libra, o seu predecesor. Os traballos de afianzamento do novo sistema virán acompañados de cursos de formación de persoal e asesoramento. Máis polo miúdo, ao longo do mes de outubro está previsto o inicio da incorporación aos xulgados do penal, de instrución e de instancia.
Presidencia afonda nas vantaxes de Minerva, o novo sistema informático para a xustiza galega
Compartir Este Artigo

