A terceira edición do Programa ConCiencia (presentado hoxe mesmo en Santiago) contará coa presenza da estadounidense Frances Elizabeth Allen, galardoada co premio Turing no ano 2006, recoñecemento considerado na comunidade científica como o nobel das Ciencias da Computación. Allen, que pasará á historia do congreso organizado pola Universidade e o Consorcio como a primeira muller convidada a dar conta da súa actividade investigadora, ten tras de si unha longa e fructífera carreira no estudo das posibilidades operativas dos computadores, e máis polo miúdo nos xeitos de incrementar a súa rendibilidade no cálculo de envergadura.
O seu labor de investigación, ligado durante moitos anos ao senlleiro IBM Thomas Watson Research Center, deu como resultado importantes contribucións ás técnicas de optimización automática en compiladores (a ferramenta do equipo que desenvolve a tradución das indicacións dun programa a códigos interpretables polas máquinas) e a extracción automática de paralelismo (realización dunha tarefa repartida en procesos feitos ao mesmo tempo).
Xunto a Allen, informaron os responsables da organización (que contan co apoio da Fundación Caixa Galicia), completarán o ConCiencia 2008 os premios Nobel de Química en 2001, Karl Barry Sharpless, e de Física en 1999, Gerardus ‘t Hooft, que impartirán ao longo deste último trimestre do ano cadansúa conferencia divulgativa e manterán diversas reunións con investigadores. Jorge Mira explicou que esta nova edición xa comezara coa visita do Nobel de Medicina en 1989, Harold Varmus, o pasado mes de maio.
Sinalar que o Programa ConCiencia persegue unha vontade didáctica e accesible do labor científico, poñendo ao seu alcance recursos que axuden a entender os seus logros entre a sociedade en xeral.
ConCiencia 2008 contará coa presenza da especialista en computación Frances Elizabeth Allen
Compartir Este Artigo

