Elogia, empresa que ten en Vigo un dos seus piares fundamentais, vén de tomarlle o pulso ao marketing interactivo no seu novo boletín 360º, a piques de saír xa do prelo virtual. O diagnóstico, neste senso e malia a crise que impera e semella afianzarse, non pode ser menos negativo: a promoción en liña, lonxe de esmorecer, segue a medrar dun xeito imparable, sobre todo no que se refire a proxectos postos en marcha ao abeiro da web 2.0, a de índole participativa. Esta é a razón que explica a presenza no devandito parte informativo do monográfico sobre o Social Marketing Optimization (SMO), en palabras da empresa, a estratexia que toda empresa debería seguir na web 2.0.
Ou sexa, que do que se trata é de coller o camiño da dita nova orde de Internet, da que por certo non somos quen de ver máis que o treito que pisamos, é tentar ver máis alá, por moito que “ir máis alá” signifique poñernos diante dos nosos supostos inimigos. O SMO sostén que unha marca non debe ter medo a participar nun foro onde a critican. O comportamento intelixente, di a empresa, é todo o contrario: a marca debe manifestarse abertamente. É nesta liña onde se insiren dúas novas propostas de Elogia Media.
Por unha banda a plataforma webminars para a formación e, pola outra, a plataforma para redes sociais. A primeira achega a posibilidade de ofrecer seminarios web: vídeo e presentación en liña, coa presenza activa dos clientes, ben sexa en directo ou coa visita posterior.
Polo que respecta á segunda, dicir que é unha plataforma de redes sociais que deixa marxe ampla para constituír de xeito rápido unha comunidade en liña unida por unhas ligazóns comúns (que, neste caso, teñen que ver cos obxectivos que cada empresa en concreto procure). Esta ferramenta, segue Elogia Media, posibilita constituír redes sociais internas de traballo ou ben redes sociais para os clientes, nas que se poden acadar todos eses comentarios da Web 2.0, pero dos teus clientes propios.
Elogia lanza un novo diagnóstico sobre o marketing en liña: en perfecto estado de saúde e medrando
Compartir Este Artigo

