A consultora PricewaterhouseCoopers vén de publicar un novo informe sobre o vindeiro estado de cousas no negocio das comunicacións e o lecer a nivel mundial. O estudo confírmase como un xeito de poñerlles cifras a cousas (as máis) que todos sabíamos. Por exemplo: que a industria discográfica vai seguir baixando pola costa na que leva xa algúns anos a escorregar: a costa da crise na que ela mesma se meteu ao apostar por uns prezos abusivos e un modelo de negocio teimudo coma poucos se viron.
Asemade, e xa que non hai baixada para uns sen subida para outros, os prognósticos da consultora sinalan un medre a medio e longo prazo dos sectores da televisión de pago e de Internet, que en España incrementarán os ingresos nun 16,5 en un 12,8%, respectivamente, entre 2008 e 2012.
Polo que respecta os cartos xerados pola industria discográfica, sempre e cando non se dea unha milagre, caerán nun 4,4% cada ano.
Con todo, cómpre sinalar que estes prognósticos poden variar, en boa medida pola crise, e dificilmente mudarán para mellor para as grandes empresas do CD, tendo en conta os variados métodos que teñen arestora os seareiros da música de obter cancións sen deixar medio soldo nas tendas.
O informe, feito sobre 15 sectores de medios de comunicación e lecer, achega bos augurios para o conxunto destes mercados en España: subirán case un 8% anual, sendo o medre a nivel mundial dun 6,6 de media e por ano.
A nivel do Estado tamén incrementarán a súa pegada os videoxogos, un sector en alza que acadará un 10,8% de subida nos ingresos. Polo que respecta á industria do cinema, a previsión é que lle pase un pouco como á do CD, pero non dun xeito tan agudo. O prognóstico que a firma Pricewaterhouse lle lanza: unha caída do 1,1%.
Os sectores das redes e a televisión de pago, en alza para os vindeiros anos
Compartir Este Artigo

