Coa chegada da Rede non é que haxa máis fotógrafos, aínda que si, senón que teñen máis e mellores opcións de contarse cousas uns aos outros. En liñas básicas, a Internet favorece que abrolle e colla corpo o que todo seareiro da imaxe leva dentro: a arela de ensinar o seu álbum ás visitas. Pero dun xeito multiplicado. Ou sexa, que coa chegada do virtual tamén se favorecen as actividades no real, e quen se reúne na Rede máis tarde ou máis cedo acabará véndolle a faciana aos seus contactos. Disto, de atoparse, pechar fileiras e facer cousas en común, é do que trata do Photowalk Nacional, unha actividade organizada por vez primeira en España polo caderno de imaxe dixital Xataca Foto e que ten unha das súas grandes citas en Santiago. Concretamente este sábado 25, reunindo na capital de Galiza, coa liña de saída na Alameda ás 15.45, a seareiros e profesionais deste eido.
A idea, en liñas xerais, é esta: levar a cabo un labor colectivo de rexistro fotográfico da cidade coa única axuda da cámara e as pernas de cada quen. Máis tarde, poderemos ver o froito dos esforzos na páxina web de Xataca e no Flickr.
O percorrido, para quen queira participar ou estar ao tanto da actividade, discorrerá polo casco vello da cidade, emprestándolles especial atención aos seguintes espazos: praza do Obradoiro, praza da Quintana, Biblioteca Anxel Casal (18 horas) e o mosteiro de San Francisco. A ruta rematará nos outeiros do parque de Bonaval, arredor das 19.30 horas, onde se procederá a facer unha imaxe de todos os participantes na quedada.
Sinalar que, tratándose como se trata dun Photo Walk, a actividade incluirá charlas arredor do traballo desenvolvido e consellos. A idea é dar conta de todo o traballo en Xataca Foto, que é un lugar de encontro para fotógrafos profesionais e afeccionados. Nesta web, amais de imaxes, podemos atopar artigos técnicos, entrevistas e información exhaustiva sobre o eido da fotografía dixital. Engadir que a iniciativa a desenvolver en Compostela este sábado non será única. De xeito simultáneo, realizaranse percorridos semellantes por Madrid, Barcelona, Sevilla ou Valencia. A intención: reunir a máis de un milleiro de fotógrafos.
O photowalk de Xataca fai escala este sábado pola tarde en Compostela
Compartir Este Artigo

