Frances Elizabeth Allen, galardoada co premio Turing no ano 2006 (recoñecemento considerado na comunidade científica como o nobel das Ciencias da Computación) estará esta semana en Compostela para levar a cabo varios encontros coa comunidade científica e investigadora galega. As xuntanzas, desenvolvidas ao abeiro do programa ConCiencia, comezarán o mércores 29 pola mañá e rematerán ao día seguinte, xoves 30, co relatorio público Unha peregrinación polas altas sendas da computación. Esta conferencia desenvolverase no Centro Sociocultural da Fundación Caixa Galicia a partir das 20.00 horas.
A participación de Allen en ConCiencia (programa organizado pola USC e o Consorcio) representa un fito no eido do congreso: trátase da primeira muller convidada a dar conta da súa actividade investigadora procedente do panorama internacional. Allen, que tras de si unha longa e fructífera carreira no estudo das posibilidades operativas dos computadores -e máis concretamente nos xeitos de incrementar a súa rendibilidade no cálculo de envergadura- estivo durante moitos anos ligada a unha das grandes multinacionais da informática, IBM, para quen traballou no eido da optimización automática en compiladores e na extracción automática de paralelismo.
Xunto a Allen, informaron os responsables da organización (que contan co apoio da Fundación Caixa Galicia), completarán o ConCiencia 2008 os premios Nobel de Química en 2001, Karl Barry Sharpless, e de Física en 1999, Gerardus ‘t Hooft, que impartirán ao longo deste último trimestre do ano cadansúa conferencia divulgativa e manterán diversas reunións con investigadores.
ConCiencia contará esta semana coa presenza de Frances Allen, premio Turing en computación
Compartir Este Artigo

