O vindeiro día 30 de outubro comezará a adopción da televisión dixital terrestre de alta definición polos habitantes de boa parte de Francia (Abbeville, Alençon, Bayonne, Bordeaux, Brest, Évreux, Laval, Le Mans, Lorient, Lyon, Mantes-la-Jolie, Marseille, Neufchâtel-en-Bray, Paris, Rennes, Rouen, Toulouse Tours e Vannes) que poderán sintonizar as canles TF1 HD, France 2 HD, M6 HD e Arte HD, o que precisará de receptores (tanto sintonizadores externos como integrados nos propios televisores) que soporten este tipo de sinais comprimidos en MPEG-4, o que por desgraza non cumpren boa parte dos dispositivos comercializados ata o momento, o que tamén é un dos grandes atrancos para a implantación desta tecnoloxía en España.
Esta nova oferta televisiva contará cunha segunda fase o 31 de maio de 2009, completando así unha cobertura do 60% do país galo, dando pé a unha migración á alta definición máis rápida ao que estamos afeitos, pois ata o momento a falta de contidos era todo un atranco, que se deberá salvar paulatinamente, pois as canles de televisión teñen que facer grandes investimentos para producir a súa programación en alta definición.
Nos últimos anos moitos equipos de produción veñen traballando en alta definición aínda que entregasen ao público material en calidade estándar, pensando tanto no futuro como na súa difusión a través de plataformas e soportes que si puidesen tirar proveito desta mellora na calidade da imaxe. En Francia xa parece que teñen claro cómo van a avanzar neste eido, queda por ver o que pasará en países como España, nos que non existe ningunha normativa nin calendario que dea a entender que a alta definición vaia ser unha realidade a medio prazo, aínda que se agarda que tralo apagamento analóxico se empreguen as vellas frecuencias para este tipo de servizos.
Francia inicia o lanzamento da TDT en alta definición
Compartir Este Artigo
