A Secretaría Xeral de Política Lingüística reuniu onte en Vigo a representantes de algunhas das máis influentes presenzas na Rede de hoxe. A súa idea, achegándolles voz a estes profesionais na nosa terra, foi afondar un pouco máis nas posibilidades das linguas pequenas nun mundo, o que vivimos, que pasa de xeito inevitable pola Internet. As conclusións da xuntanza, que se desenvolveu na Estación Marítima no marco da mostra As nosas palabras os nosos mundos, foron de diversa índole, aínda que en todas as voces que interviñeron se puideron rastrexar unhas cantas ligazóns de entendemento. Por exemplo: apostar polo uso das novas tecnoloxías e do galego é unha estratexia de valor dupla que, lonxe reducir o efecto de cada unha das partes e/ou compromisos, enriquéceos. Así o fixo saber a secretaria xeral, Marisol López, e así o fixeron saber os representantes das empresas Google e Microsoft que participaron na xornada (Luis Collado e Montserrat Pardo, respectivamente).

Para Marisol López, puidemos saber ao longo desta xornada (que se desenvolveu baixo o título A idade dixital do galego), é unha clara cuestión de rendibilidade empresarial. E proseguiu: “As empresas tecnolóxicas e os desenvolvedores de programas levan anos demostrando que o emprego da lingua local, o galego, non é un atranco para lanzar fóra, ao espazo global, os seus produtos”. Máis ben o contrario, sobre todo se temos en conta o compromiso cada vez máis firme da comunidade internauta polo plurilingüísmo e, tamén, polo respecto á propia identidade de cada quen. Se a isto lle engadimos unha apertura á lusofonía pola vía do galego na Rede, entón a elección aínda se presenta máis idónea.
Na xornada, na que tamén interveu o director da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Telecomunicacións da Universidade de Vigo (Xosé María Pousada), tamén se puxo de manifesto a importancia de apostar polo galego dende o punto de vista contrario, o das grandes empresas de alén das nosas fronteiras. Neste senso, a xerente de Relacións Institucionais de Microsoft Ibérica (Montserrat Pardo) relembroulles aos presentes os pasos que ten dado a súa empresa en materia de respecto pola multiculturalidade nas redes, unha aposta que é boa para a empresa que a leva a cabo (cubre máis espectro de posibles clientes) e para a propia lingua, neste caso concreto a galega, xa que é obxecto por esta vía dun labor de normalización.
A Xunta, Microsoft e Google amosaron en Vigo as vantaxes da Rede multicultural
Compartir Este Artigo

