Semella parte do argumento do novo filme dos irmáns Coen, pero non. É a vida mesma, que, como case sempre, imponse por goleada á ficción. Segundo vén de informar EFE facéndose eco dunha nova aparecida en The Mail on Sunday, a información privada relativa ao Goberno británico corre risco de estar tan ben protexida dos curiosos como a nosa costa dos especuladores. En certa maneira, e visto o que axencia conta, os segredos de Estado están cada día máis preto das conversas nos bares. E tanto que é así, tendo en conta que se vén de localizar no aparcamento dun pub inglés un dispositivo de memoria USB con nomes e accesos de entrada á información confidencial do Goberno.
O suceso, que xa está a ser investigado polas autoridades do país, pon unha vez máis evidencia o escaso rigor posto en xogo á hora de salvagardar coñecemento reservado dende as institucións públicas, malia que –todo hai que dicilo- o achado na memoria localizada non vaia servir para mudar o rumbo da historia do mundo: trátase de datos sobre devolucións a Facenda ou multas de tráfico, datos que ademais están cifrados.
A perda desta USB non é un caso único, xa que está a ser cada día máis frecuentes naquel país os extravíos de discos con informacións confidenciais nas circunstancias e nos lugares máis inapropiados (se é que existe algún lugar apropiado para estas desfeitas). Ao parecer, a responsabilidade deste novo caso de perda non é directamente imputable ás administracións inglesas, aínda que si indirectamente: a perda puído ter a súa orixe nun despiste dun traballador da empresa Atos Origin, contratada polo Goberno para a xestión do sistema Gateway.
Atopan información dixital do Goberno británico no aparcamento dun pub
Compartir Este Artigo

