
Para o achegamento da televisión dixital, Cantabria xa asinou un contrato para que o sinal se distribúa a través da rede de satélites Astra, pero vén de cancelalo unilateralmente, polo que permitir o servizo televisivo no rural podería ser moi complexo, como tamén acontece no caso galego (onde tamén se está a estudar a posibilidade de utilizar satélites para levar a televisión a zonas sen cobertura de TDT). Precisamente nos últimos días o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, durante a súa intervención na celebración da Noite Galega das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, sostivo que a TDT estará despregada por todo o territorio galego antes de abril de 2010, para cumprir coa data fixada polo Estado para o cese das emisións analóxicas. Touriño tamén asegurou que Galicia supera «amplamente a porcentaxe de cobertura poboacional fixada polos Estado, acadando a día de hoxe a máis do 90% dos habitantes de Galicia».
Correo TV amplía a súa cobertura dixital
Un dos exemplos de implantación da TDT en Galicia está en Santiago de Compostela, demarcación na que incluso están a operar en dixital as canles de televisión local Correo TV e Localia, o que agora tamén se traslada á demarcación de Ribeira, de xeito que a emisora de televisión do Grupo Correo Gallego, Correo TV, chega agora en dixital a Ribeira e a zona sur da península do Barbanza, ampliando a súa audiencia potencial en 250.000 persoas.
Esta sería a segunda licenza de TDT de ámbito local que poría en marca o Grupo Correo Gallego, quedándolle agora completar o salto a Lalín e Vimianzo.
