Non é casualidade que a posta en marcha da face virtual do herbario da Universidade de Santiago coincida coa celebración da Semana da Ciencia 2008, activa na nosa terra ata finais de mes e xirando máis que nunca arredor de cuestións como o medio ambiente ou a biodiversidade. A apertura da páxina web, enmarcada no programa de actividades da Semana, tería fortes e numerosos puntos de contactos co dito evento aínda que non se inserira oficialmente nela. É máis: o proxecto da USC case resume e abrangue o ideario que sostén a Semana: achegamento da investigación á sociedade, compromiso a prol da divulgación activa e participativa e concorrencia ao completo das redes da información.
Por se isto fose pouco, estamos a falar da colección botánica máis importante do país, con 100 mil exemplares, dispoñible a partir de xa na Rede e ao alcance do gran público, agora máis a conto que nunca, tendo en conta a temática da Semana 2008 (ciencias da Terra) e o intre decisivo polo que está a pasar o planeta, cada vez máis necesitado (por triste que sexa) de coñecemento natural.
Máis en detalle, sinalar que a páxina constitúe en boa medida un segredo desvelado: resultaba practicamente descoñecido fóra dos eidos estritos da investigación e, segundo indican os seus responsables, carecía do que se pode chamar “orzamento mínimo” para a súa divulgación tradicional.
Por certo que a posta en liña da colección, que nun principio restrínxese ó ámbito e temporalidade da Semana da Ciencia, ten moitas posibilidades de prolongarse no tempo.
Segundo sinala o equipo investigador que xestiona o herbario, a páxina non só ofrece a posibilidade de visitar a escolma senón tamén de participar achegando comentarios ou datos propios. A iniciativa, neste senso, vai dirixida a ser un espazo de encontro para os investigadores e, tamén, un punto de inicio para a divulgación das coleccións do SANT.
Estas son as características do servizo:
· Ofrécese a colección principal do herbario: as plantas vasculares, priorizando as especies comúns que medren espontaneamente no medio natural galego (é dicir, non se inclúen plantas cultivadas, tanto forestais como ornamentais).
· As plantas agrúpanse dun xeito natural, segundo plantas que medren no mesmo medio ecolóxico.
· A web dispón de imaxes de moi alta resolución, para poder apreciar os detalles cunha escala superior ao tamaño natural.
· O visitante pode participar activamente, achegando comentarios e información, como o nome que recibe a planta en determinados lugares do país, ou usos populares da mesma.
Asemade, a idea é que as contribucións do público se vai incorporando de xeito progresivo ao espazo web, reflectindo as achegas das distintas áreas xeográficas de Galiza. Alén das especies inicialmente expostas, durante a Semana o público poderá solicitar a dixitalización doutros exemplares, priorizando as especies máis frecuentes.
A iniciativa do herbario SANT enmárcase na estratexia operativa número 4 do PEGSI, referida a Contidos e Servizos, e mais á liña de actuación PUB-LA2, relativa ao Ensino.
O posta en liña do herbario da USC: un dos puntos fortes da Semana da Ciencia
Compartir Este Artigo

