As novas tecnoloxías da información son un mundo por explorar e, como todos os territorios que nos son novos, requiren o uso de guía. Neste senso, o que podemos atopar semella interesante de abondo: participación social, comunicación en 360º, concorrencia na construción mesma da Rede dende os seus alicerces, posibilidades de dar a coñecer calquera cousa na que esteamos a traballar e intercambiar coñecemento, etc. Dar a coñecer polo miúdo todo aquilo que as canles dixitais poden facer nós (e todo o que podemos facer nós por elas) é un dos grandes obxectivos de Un guiño ás TIC, sesión de cursos enmarcados na Semana da Ciencia 2008 e previstos para hoxe na Escola Politécnica de Ferrol. Os encontros, organizados pola dita escola, comezan a partir das 10.00 horas e finalizan ás 20, a desenvolver en dúas quendas: unha de mañá e outra de tarde.
Como dixemos, a idea que sostén estes obradoiros vinculados á informática é unha idea orientativa e divulgativa: unha introdución real e virtual ás posibilidades de participación en liña.
En última instancia, o que se pretende é incrementar na medida do posible o rendemento que tiramos das novas tecnoloxías da información a través de melloras internas e (tamén) externas. Os obradoiros, que serán sobre todo de tipo práctico, xirarán arredor de traballos como a práctica da ensamblaxe dun computador ou a instalación dunha antena, ámbolos procesos co gallo de mellorar as prestacións da rede de datos sen fíos que poidamos ter na casa.
A Politécnica de Ferrol acolle hoxe obradoiros intensivos de informática
Compartir Este Artigo

