Se as novas tecnoloxías son comunicación e están cada día máis presentes nas nosas vidas, era case inevitable que tamén caesen nas mans dos artistas. Ben para reflexionar sobre elas (as máis das veces con espírito crítico), ben para empregalas como materia prima e vehículo da mensaxe ou da non-mensaxe. Reflexionar sobre o xeito de actuar destas canles sobre a información que acollen ou sobre a nosa propia ollada é precisamente un dos piares da mostra que se inaugura hoxe mesmo na Fundación Luís Seoane e que leva por título CODECO (Codificado_descodificado_codificado). O proxecto, ideado por Belén Montero e Juan Lesta, vén proposto coma un xogo: un proceso de ida e volta. Máis polo miúdo, do que se trata é de amosar como fica a información codificada de maneira dixital logo de analoxizala, partindo da realidade que nos rodea para volver a ela con todos os sinais de virtualización adheridos. Por exemplo: unha papeleira de reciclaxe virtual que acaba por deixar pegada no espazo físico da nosa oficina ou, no caso que nos ocupa, na realidade dunha exposición.
A apertura da mostra, prevista para as 20.00 horas no devandito edificio da Coruña, acompañarase da presentación do Tetris Analóxico e a Paleta Gráfica, dúas pezas que procuran a colaboración do público para o seu desenvolvemento: a primeira leva o senlleiro videoxogo á vida real (co usuario inmerso nunha partida onde participa con todos os seus sentidos e poñendo as pezas no seu sitio coa axuda das súas mans) e a segunda poñendo a disposición dos visitantes o concepto de píxel mediante imáns que constitúen un gran panel magnético. Nel, a xeito de grafite, levaranse a cabo debuxos animados que serán gravados cunha cámara web. A mostra CODECO, que xurdiu en 2001 a raíz dun produtivo encontro entre programadores, músicos e artistas de vídeo, está documentada na web a través dos enderezos codeco.org e na web proyecto-edicion.net.
Vídeo dun proxecto anterior de CODECO desenvolvido no CGAC
Chega á Coruña a mostra que analoxiza o dixital: CODECO
Compartir Este Artigo

