A nova convocatoria do certame de innovación Galiciencia, unha das actividades estrela da Semana da Ciencia 2008, vén de resolverse con resultados positivos de abondo para a nosa terra e máis concretamente para as nosas posibilidades na investigación. Segundo informan os organizadores do concurso, a Tecnópole e máis a Consellería de Innovación, as mozas e os mozos galegos participantes no mesmo fixeron a mellor das actuacións posibles. E non o tiñan doado: perante súa tiñan propostas chegadas de centros de Secundaria de toda España. Para que non queden dúbidas sobre a cuestión, nada mellor que ver os resultados: o Colexio Guillelme Brown de Pereiro de Aguiar (Ourense) e o Colexio Alborada (Vigo) fixéronse co primeiro e o segundo premio, respectivamente, logo da votación levada a cabo polos visitantes da mostra onde se daba conta polo miúdo dos seus proxectos. Ademais da investigación galega e nova, pódese dicir que houbo un segundo protagonista ao longo da actividade científica: a enerxía limpa. De feito, ese foi o alicerce das dúas propostas gañadoras.
En certa maneira, as alumnas e os alumnos participantes quixeron deixar claro que os recursos para salvar ao planeta da desfeita virán xusto da man dos axentes principalmente responsables, os seres humanos. Pero cunha diferenza: antepoñendo o sustentable e o ecolóxico perante calquera outra consideración.
Polo que respecta ás iniciativas que gañaron o certame, dicir que o primeiro proxecto consiste nun bioedificio que é quen de autoabastecerse a través das enerxías renovables. Os seus responsables, Juan Sebastián Pirola e Rodrigo Barreiro, afirman que o seu sistema podería funcionar nun edificio de cinco andares con dez vivendas. Abrangue a recollida de augas pluviais para reemprego doméstica, placas solares para un abastecemento completo de enerxía eléctrica e unha zona verde no patio de luces que capta luz a través dunha claraboia no teito e que se aboa cos residuos orgánicos producidos nas vivendas. O segundo galardón foi para un sistema de obtención de enerxía eléctrica a partir do movemento dun ascensor. “Colocamos unha dínamo na polea que move as cordas do ascensor e así é como obtemos a electricidade”, comentan Laura Rodríguez e Antía Domínguez, as alumnas de 4º da ESO do Colexio Alborada gañadoras do galardón. De cara á Semana da Ciencia que organiza o seu centro cada primavera, planean adaptar o sistema a escaleiras mecánicas e mesmo a bicicletas estáticas.
Por certo que os galardóns foron entregados onte xoves 20 no acto de clausura da Galiciencia, patrocinada pola Consellaría de Innovación e Industria.
Dous centros galegos de Secundaria, gañadores do certame Galiciencia
Compartir Este Artigo

