O día 28 de decembro é moi importante en España polo mero feito de que nos forza a andar con tino ante posibles novas falsas e bromas que nos poidan gastar os amigos, xa que é o Día dos Santos Inocentes, e incluso na Internet puidemos ver infinidade de bromas das que daremos conta dunhas poucas.
Entre as informacións xerais puidemos ver cómo se falaba da fichaxe de Javier Sardá por La Sexta para un programa semanal, de que Losantos deixa a COPE e ficha por LasIdeas.es (unha rede de blogs da esquerda española), que o actor Mr. T (que interpretaba a M. A. en El Equipo A) quere suceder a Arnold Swarchzenegger coma gobernador de California, da baixada do Euribor ao 0,5%, da creación dun blog para o Rei de España baixo o dominio mellenadeorgulloysatisfaccion.es, do salto do presentador Ángel Martín a Telecinco, da filtración dun novo tema de U2, da pretensión da SGAE de cobrar entre 50 e 100 euros por cada coche que contase cun reprodutor de MP3 instalado ou de que Nintendo comezara a comercializar un test de embarazo que amosaba o resultado da proba cunha Vida Extra ou cun Try Again (volver a xogar).
Metidos máis no mundo tecnolóxico tamén se comentou a compra de WordPress por parte de Microsoft e de Google, o lanzamento do reprodutor multimedia iLalelo, os problemas económicos de Canon e Nikon por mor do caso Madoff (que os levaría a aceptar doazóns dos afeccionados á fotografía), o sistema operativo Android correndo nun Nokia N97 (móbiles que inclúe a nova versión de Symbian) ou a alerta sobre a posibilidade de que os discos Blu-ray se degraden en 4 ou 5 anos.
No tocante aos videoxogos puidemos ler o anuncio de Guitar Hero: Los Pecos, o periférico WiiVisioon, o lanzamento dos novos discos de Metallica para WiiMusic ou a capitalización dos logros de Xbox 360 coma Microsoft Points.
Sen dúbida, unha xornada chega de humor, aínda que non acadaron a mesma repercusión que anos anteriores por cadrar a celebración en domingo.
O Día dos Inocentes tivo moita repercusión na web
Compartir Este Artigo
