
A aplicación utilizada no reto, HEMCUVE++, ten a cualidade fundamental de utilizar de forma eficiente un número elevado de procesadores, aproveitando así a potencia dos grandes supercomputadores. Nesta ocasión empregáronse para os cálculos os mesmos nodos e procesadores que se empregaron para o reto anterior, é dicir, 64 nodos completos do Finis Terrae, 1024 núcleos (aproximadamente o 42% do supercomputador). A memoria RAM empregada foi ao redor de 6 TB.
O supercomputador galego volveu mostrar a súa capacidade, comportándose de forma excelente durante o reto, aínda que segundo os membros do Grupo HEMCUVE, o uso que del fixeron foi «extremadamente esixente». Neste sentido destacan que «aínda que existen máquinas máis potentes, a arquitectura de Finis Terrae é idónea para a nosa aplicación». Ao dispoñer de moita memoria por procesador, facilita enormemente os cálculos, reducíndose de forma considerable o tempo de cálculo e o consumo total de memoria.
De novo e como en retos anteriores, cabe sinalar a estreita colaboración entre investigadores e técnicos responsables do Finis Terrae, clave para o cumprimento do obxectivo.
O Finis Terrae permite analizar un problema de electromagnetismo con máis de 500 millóns de incógnitas
Compartir Este Artigo
