A tecnoloxía Photosynth desenvolvida por Microsoft e que permite xuntar múltiples fotografías sobre un modelo tridimensional para permitir ao usuario moverse cunha calidade fotorrealista principalmente por localizacións de grande interese turístico (como a Estatua da Liberdade, a Sagrada Familia, a Catedral de Santiago ou o Claustro de Fonseca) vén de ser aproveitada pola CNN, que instou á súa audiencia a captar dende as súas cámaras a toma de posesión de Obama, e tras xuntar as moitísimas instantáneas captadas ao redor do evento se puido completar unha impresionante recreación virtual do momento, que se pode ver así dende distintas perspectivas e distancias coma un excelente exemplo de crowdsourcing.
Para poder ver a espectacular recreación do momento na web da CNN é preciso ter instalado o engadido do navegador Silverlight (equivalente de Microsoft ao Flash de Adobe), o que tamén axudará a espallar a popularidade desta tecnoloxía que conta con grandes prestacións audiovisuais.



