O chateo baseado en Facebook á vez que se seguía o vídeo en directo da CNN foi todo un éxitoA CNN fixo unha cobertura moi especial da toma de posesión de Barack H. Obama, non só na televisión, senón tamén na Rede, onde combinou a súa emisión de vídeo en directo (que bateu todo un record con 21,3 millóns de streams fronte á súa marca anterior de 5,3 millóns, aínda que o máximo de conexións simultáneas foi de 1,3 millóns) coa tecnoloxía Facebook Connect, que permite integrar funcións da rede social Facebook noutros espazos virtual, o que permitía que os usuarios desta plataforma puideran facer comentarios durante o seguimento do evento, á vez que lían os comentarios dos seus amigos. Os datos sobre o éxito en liña deste evento son impresionantes, e a web de CNN entregou uns 136 millóns de páxinas, á vez que os seus usuarios fixeron unhas 600.000 actualizacións en Facebook dende CNN.com. O evento tamén se podía seguir dende o iPhone, chegando a congregar a milleiros de usuarios simultáneosNon é de estrañar que algúns xa vexan a mestura entre as emisións en vivo e as redes sociais coma o futuro da televisión, pois a solución adoptada pola CNN pode lembrar ao usuario a experiencia de ver a televisión en grupo fisicamente, e podería sentar un claro precedente, pois outras plataformas de vídeo en directo tamén permite chatear, pero con Facebook Connect se achega un nivel de personalización decisivo para o éxito deste xeito de ver a televisión ao máis puro estilo da Web 2.0. O vento tamén se puido seguir en directo a través de moitas outras solucións tecnolóxicas baseadas na Internet (como a aplicación Ustream para o iPhone) pero ningunha igualou o éxito da CNN, que desta volva conseguiu trunfar cunha entrega de vídeo máis estable e con maior calidade que moitos dos seus competidores, que presentaban erros de conexión ou imaxes conxeladas, aínda que plataformas de vídeo coma Hulu ou MSNBC foron capaces de estar á altura do evento.