A boa acollida que está a ter a versión de proba de Windows 7 levou a Microsoft a anunciar que continuarán a permitir a súa descarga (e a obtención dun número de serie que autoriza para o seu uso ata o 1 de agosto) ata o 10 de febreiro. Con esta prórroga a compañía de Redmond busca que ninguén perda a posibilidade de botar unha ollada ao sistema operativo que chegará a primeiros de 2010.
Con novo calendario, a partires do 27 de xaneiro a páxina de descarga de Windows 7 Beta avisará que en breve limitarase a descarga do sistema operativo en probas; o 10 de febreiro desaparecerá a posibilidade de descargar a imaxe do Windows 7 Beta, aínda que os usuarios que teñan o ficheiro na súa cola de descargas poderán continuar o proceso; e finalmente, o 12 de febreiro será imposible seguir a descargar o Windows 7 Beta dende os servidores de Microsoft.
Aínda que sexa posible descargar a versión de proba dende redes P2P e outros métodos, lembramos que é preciso facerse cun número de serie válido para poder seguir usando o sistema ata o verán.
O Windows 7 Beta seguirá dispoñible ata o 10 de febreiro
Compartir Este Artigo
