A Rede de Dinamización da Sociedade da Información, da Consellaría de Innovación e Industria, pon en marcha un autobús informativo sobre as novas tecnoloxías que, a partir de hoxe, xoves 29, percorrerá 15 municipios galegos durante un total de 15 días.
O autobús permanecerá un día en cada unha das localidades -aproximadamente de 11.00 a 15.00 e de 14.00 a 20.00 horas- para dar a coñecer as actividades da Rede de Dinamización, pero tamén para presentar o Galinux, o completo sistema operativo de fontes abertas en galego desenvolvido por Mancomún.
O vehículo estará equipado con computadores instalados integramente con software libre, así como con conexión a Internet. A estes terminais poderá acceder libremente a xente que visite esta unidade móbil nas horas estabelecidas pola organización para tal fin.
Asemade impartiranse diferentes actividades en volta das novas tecnoloxías como poden ser, entre outras, a realización dun obradoiro de Alfabetización dixital: Informática e Internet, a proxección de vídeos sobre a Rede ou a distribución de folletos informativos e copias do Galinux á poboación do lugar.
A finalidade desta iniciativa, ao igual que a de todas as actuacións previstas pola Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información, é a de seguir achegando as novas tecnoloxías, baseadas en estándares e códigos abertos, e a sociedade da información a toda Galicia.
Itinerario
O percorrido do autobús e os lugares onde estará estacionado é o seguinte: – Sada: aparcamento La Terraza (xoves 29 de xaneiro). – Ames: parking Carrefour, en Bertamiráns (venres 30 de xaneiro). – Tomiño: praza preto do Concello (sábado 31 de xaneiro). – Nigrán: proximidades do Concello (domingo 1 de febreiro). – Pontevedra: Praza Ferrería (luns 2 de febreiro). – Sanxenxo: curva Praia Silgar, no acceso ao Porto Juan Carlos I (martes 3 de febreiro). – Cuntis: Praza das Árbores / Rúa da Igrexa (mércores 4 de febreiro). – Vilagarcía de Arousa: Avda. da Mariña, a carón do Centro Comercial (xoves 5 de febreiro). – Manzaneda: Praza Rueda (venres 6 de febreiro). – Castrelo de Miño: Avda. Alejandro Ferrer, a carón do Club Náutico (sábado 7 de febreiro). – Burela: Rúa da Estación, a carón da praza (domingo 8 de febreiro). – Lugo: Avda. Ramón Ferreiro / Rúa Aguirre (luns 9 de febreiro). – Ribadeo: parque San Francisco (martes 10 de febreiro). – Carballedo: Avda. dos Peares / Camiño da Feira (mércores 11 de febreiro). – Mondoñedo: Praza do Seminario, a carón do supermercado (xoves 12 de febreiro).
