A Axencia Audiovisual Galega da Consellería de Cultura e Deporte vén de poñer en marcha a segunda edición do proxecto Memoria do século XX. Ao longo deste ano a axencia traballará na recuperación de filmacións en pequenos formatos (súper 8 e 16mm, principalmente) que se atopan en mans de particulares. O obxectivo é sacar á luz boa parte do patrimonio audiovisual galego que ata agora permanecía agochado.
O proxecto “Memoria do século XX” ten como obxectivo salvagardar parte do patrimonio audiovisual galego que fica gardado da man dos seus propietarios. Trátase de recuperar pezas que teñen un gran valor cultural e etnográfico. A segunda fase desta campaña desenvolverase durante todo o 2009, centrada na recuperación de filmacións das décadas dos sesenta e os setenta do pasado século.
A Consellería de Cultura encárgase de restaurar as películas e devolvelas aos propietarios sen custe algún nun formato dixital moderno, como o DVD. Todas as películas que se obteñan mediante esta campaña de recuperación serán revisadas, reparadas, lubrificadas e, finalmente, telecinadas dixitalmente e debidamente catalogadas. Os orixinais cinematográficos poden devolverse aos propietarios ou quedar en depósito na Consellería de Cultura. En calquera caso, os dereitos das imaxes seguen sendo do depositario do filme.
A Axencia Audiovisual Galega inicia a 2ª fase do proxecto Memoria do século XX
Compartir Este Artigo
