
Deste xeito, en web como a de La Voz de Galicia, o Faro de Vigo ou El Correo Gallego o fluxo informativo foi constante (aínda que parece que esta última web tivo momentos de certa saturación, claramente explicable polos resultados electorais para algúns pouco esperados), mentres que os medios puramente dixitais coma Vieiros ou o Diario de A Nosa Terra non conseguiron posicionarse na primeira liña da actualidade, aínda que o caso de Vieiros foi frustrado por problemas técnicos que deixaron á súa web fóra de liña durante os momentos cruciais (pois cando a súa páxina volveu a estar plenamente operativo púidose ver que o seu despregamento informativo era realmente ambicioso e interesante).
Tamén resultou rechamante o caso do Xornal de Galicia, que pese a ter unha web renovada, e tras publicar os resultados das enquisas a pé de urna, tardou máis dunha hora en publicar artigos sobre a vitoria electoral do Partido Popular, sendo posiblemente o último medio en dar tal información.
E aínda que dende distintos ámbitos insistan en que Twitter e Facebook a xornada fervía, o certo é que a actividade en Twitter foi bastante moderada, cunha participación limitada aos usuarios máis activos desta plataforma, como tamén aconteceu en Facebook, onde tomou maior repercusión o resultado electoral que o seguimento do escrutinio, dando a entender que en Galicia o público continúa a apostar pola televisión para este tipo de informacións, pola súa inmediatez (conexións en directo cos partidos políticos, gráficos detallados e bastante actualizados, opinión de colaboradores durante os tempos intermedios…) aínda que houbo medios dixitais que buscaron crear esta tensión do directo, e así La Voz de Galicia puxo na súa portada un recadro no que os lectores podía deixar a súa opinión, mentres que Soitu.es apostou por publicar un widget incrustable en calquera web para seguir en tempo real os resultados electorais e El Mundo quixo emular á combinación da CNN e Facebook durante a toma de posesión de Barack H. Obama mesturando Facebook Connect co sinal de Veo TV, aínda que sen promocionar debidamente esta innovación, polo que non acadou a repercusión do caso norteamericano.
En conclusión, que a campaña electoral galega máis dixital da historia non conseguiu calar fondo nos cidadáns, que aínda son bastante analóxicos, e tiran dos medios tradicionais para informarse, dando na Internet máis importancia ás cabeceiras con presenza fóra de liña.
Os medios tradicionais trunfaron no seguimento dos resultados electorais
Compartir Este Artigo
