Moitos periodistas comentan sarcasticamente que hai tres tipos de materiais xornalísticos: verdades, mentiras e estatísticas. E xusto dentro do último grupo entra unha grande polémica que afecta aos medios de comunicación pois o auditor de audiencias OJD vén de modificar o seu sistema de medicións, o que tivo unha clara repercusión nos resultados das páxinas web de Unedisa (como Marca.com e ElMundo.es) que incluso reducindo o seu número de visitas e de páxinas vistas rexistraron un incremento sen precedentes de usuarios únicos, que no caso da edición dixital de El Mundo foi do 75,5%, superando os 19 millóns de usuarios, e para Marca.com foi do 85,92% ata superar os 14 millóns de usuarios únicos.

Cómpre destacar que OJD só certifica as medicións, non as elabora, pois actualmente emprega a ferramenta SiteCensus 5.3 de Nielsen en vez dunha solución propia coma facían no pasado. Agora a dúbida está en se este sistema de medición é máis preciso que o anterior, pero non hai dúbida de que os seus resultados son escandalosamente diferentes.
Dende OJD deféndense alegando que «estes datos foron obxecto de medición e auditoría aplicando os mesmos protocolos e procedementos para todos os medios electrónicos», pero era evidente que o código das webs de Unedisa era diferente do resto, aínda que supomos que isto se arranxará para os vindeiros meses, cando poderemos ver uns datos máis consolidados, pero esta crise na credibilidade de OJD pode resultar moi negativa para o sector (como tamén o é para outros medios o descrédito actual do EGM).
Polémica polos cambios no sistema de medición de audiencias de medios dixitais por parte de OJD
Compartir Este Artigo

