
Con isto non quere dicirse que o Chrome estea libre de problemas de seguridade, só que polo momento aínda non atoparon xeitos rápidos e doados de superar os atrancos propios da súa arquitectura, así coma do feito que aínda é un navegador bastante illado (entre outras cousas, carece de engadidos), pero resulta difícil de explicar cómo, pese a estar baseado no mesmo motor que o Safari, o navegador de Apple está moi descoidado en materia de seguridade.
O campión da pasada edición, Charlie Miller, xa anunciara que o Safari baixo Mac OS X ía ser o seu primeiro escenario a superar este ano, o que confirmou en poucos segundos, aínda que outro experto coñecido polo nome de Nils tardou un pouco máis, pero quedou en mellor posición por ser capaz de superar tamén as defensas do Firefox e o Internet Explorer. Pero de Miller tamén habería que destacar as súas declaracións públicas, nas que sostén unha filosofía que comeza a imperar: a non comunicación de balde aos fabricantes dos fallos de seguridade detectados. Os expertos sosteñen que detectar os problemas de seguridade é un proceso que precisa de moita dedicación e son as empresas que desenvolven o software as que teñen que facer esta labor, e non quedar nas mans de centos de expertos de todo o mundo que fagan o traballo por eles, sen recibir ningunha contraprestación.
Google Chrome, o navegador web máis seguro
Compartir Este Artigo
