O bo de Internet, ou o malo, é que calquera pode converterse en famoso sen apenas decatarse do tema ou mesmo coa lei do mínimo esforzo. Con todo, hai ocasións en que o fenómeno concreto ten un claro compoñente de sona xustificada. Á Rede, tan intrincada ela, semellan sobrarlle bos exemplos disto, estando aínda recente un dos máis célebres casos de éxito meritorio da tempada: o da cantante Susan Boyle no YouTube. O que non imaxinabamos é que un destes andazos virtuais de comunicación que pasa dunhas mans a outras estivese protagonizado por un gato. Segundo reflicte Baquia, ao animal en cuestión non só lle acae ben o título de máis recente fenómeno de Internet, senón que tamén está a servir de inspiración para versións das súas habilidades feitas por ducias e visitadas por millóns de internautas no devandito servizo YouTube.
Por certo que a clave do seu éxito non está nin moito menos en relación con todo o abano de circunstancias nas que se soe mover un felino destas características, senón con algo que nin se asemella a unha sardiña nin pretende selo: un piano. O gato, segundo se pode ver, toca o piano como banda sonora de catástrofes.
Os vídeos nos que aparece o animal desenvólvese máis ou menos do mesmo xeito: primeiro acontece algo como unha caída ou un accidente e logo escóitase sempre a mesma melodía interpretada polo devandito gato sobre un teclado electrónico.
Segundo se pode comprobar no YouTube, o vídeo orixinal, titulado Play him off, keyboard cat e dirixido por Brad O´Farrell, xa foi obxecto de máis de 1,3 millóns de reproducións, amais de ter servido de inspiración directa para un número considerable de versións sobre o que acontece na peza orixinal, versións que, como poderemos imaxinar, contan sempre na súa recta final cun convidado de luxo: o gato pianista.
O gato que toca o piano, novo boom mediático na Rede
Compartir Este Artigo

