A prensa está a buscar alternativas ao todo gratis na Internet para poder manter a viabilidade do seu negocio, e nos últimos días colleu certa forza o rumor de que Time Inc. estaría a traballar no seu propio lector de e-books dende o que comercializar as súas revistas. Esta información viría dun documento interno da compañía ao que tivo acceso NBC Bay Area, pero a fiabilidade desta información parece moi dubidosa polo mero feito de que, aínda que os xornais o teñen doado para a súa plasmación nos actuais lectores de libros electrónicos, coas revistas a operación non é tan doada, xa que a tecnoloxía de papel electrónico máis empregada non representa cores, polo que as revistas desmerecerían moito.
Agora Peter Kafka de AllThingsD detalla que a xente de Times Inc. está a estudar distintas opcións, pero non incluirían a súa entrada no negocio do hardware. Todo parece indicar que aínda non se coñece cómo será o futuro da prensa, á vez que tampouco hai confianza en que os dispositivos exclusivos para a lectura de e-books cheguen a imporse, así coma os modelos de subscrición de contidos para os mesmos.
Time Inc. podería estar a estudar a súa estratexia de cara aos lectores de e-books
Compartir Este Artigo
