O proxecto OLPC en UruguaiPese a que o proxecto OLPC para achegar ordenadores portátiles aos cativos de países en vías de desenvolvemento estea a ser considerado un grande fracaso (así coma unha decepción), en Uruguai non deron a batalla por perdida, e a través do Plan Ceibal conseguiron que 362.000 alumnos e 18.000 profesores gocen xa de equipos informáticos XO, para o que tiveron que destinar o 5% do orzamento educativo do país, o que esperan que non teña só unha aplicación docente, senón que tamén contribúa a introducir á poboación na Sociedade da Información, axudando a reducir a fenda dixital. Con esta iniciativa, Uruguai sería o primeiro país en achegar portátiles a todos os seus estudantes de primaria, aínda que agora teñen que afrontar o reto de que estes equipos teñan acceso á Rede, o que resulta bastante complicado en moitas áreas do rural.