Continuando coa liña iniciada na edición do 2008 de promoción da ciencia e tecnoloxía entre as novas xeracións, Gradiant, o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, presenta desta volta dúas novas actividades, por unha banda o I Certame de Relatos Curtos de Ciencia Ficción e por outra unha charla-demostración sobre videoxogos creados para Wii por Continental Games, que terá lugar o vindeiro 16 de novembro.
Neste relatorio tamén se ofrecerá información de utilidade para aqueles rapaces e rapazas que estean interesados en dedicarse á creación de videoxogos nun futuro, para o que deberán aplicarse a fondo e estudar de abondo as materias relacionadas con este campo.
Para acudir a esta xornada, que terá lugar na Escola de Telecomunicacións de Vigo, o trámite é moi doado, xa que bastará con que cada profesor se poña en contacto con Gradiant, a través de correo electrónico ou ben chamando ao teléfono 986 818 637, para comunicar cántos alumnos acudirán á xornada.
O principal obxectivo destas actividades é, segundo afirman os seus organizadores, “achegar a ciencia aos mozos e mozas galegos que, a xulgar pola baixa matriculación na rama tecnolóxica do bacharelato nos últimos anos, aínda manteñen o prexuizo de que a ciencia e a tecnoloxía son aburridas, complicadas ou sen aplicación práctica”.
Ademáis destas actividades, o Centro Tecnolóxico ofrece tamén visitas guiadas ás súas instalacións, para que os rapaces podan ver que é un centro tecnolóxico e ter contacto directo cos investigadores, dándolles así a oportunidade de informarse de primeira man e facer tódalas preguntas que lles xurdan.
Gradiant aposta por divulgar a tecnoloxía pola vía do lecer
Compartir Este Artigo
