Amazon aliouse con Publidisa, líder en servizos para o sector editorial en lingua hispana, para ofertar no seu portal, logo de demanda, 8.500 libros en español de máis de 200 editoriais, que serán as que decidan se queren que se vendan ou non como libros electrónicos.
O director executivo de Publidisa, Luis Francisco Rodríguez, sinalou nunha entrevista con EFE que este acordo con Amazon é a consecuencia dunha colaboración que comezou en 2005 e que ten agora o seu froito, «a comercialización baseada na impresión baixo demanda do contido de editoriais españolas».
«Elixes o libro e nas seguintes 24 ou 48 horas mándancho á túa casa coma se fose o exemplar dunha libraría», explicou Rodríguez para quen esta forma de libros á carta fai desaparecer o concepto de título esgotado nun almacén.
A impresión baixo demanda é un dos servizos que ofrece Amazon, aínda que a innovación técnica máis espectacular dos últimos anos é o libro electrónico, que supón a revolución da lectura tradicional que pasa do papel a unha pantalla de ordenador e, sobre todo, aos chamados e-readers.
Rodríguez augura que, especialmente de cara á campaña de Nadal, produciranse unhas vendas de entre 70.000 e 100.000 e-readers, e na actualidade Publicisa xa comercializa un milleiro de obras en formato electrónico dende Todoebook.com.
En canto á irrupción das novidades editoriais no e-book, Rodríguez adianta que é «inminente» e explica que o comportamento das editoriais co e-book é similar ao das discográficas con iTunes: «Ao principio só podíase descargar música clásica ou de grupos independentes, agora xa podes escoitar o último do teu grupo favorito».
Co libro electrónico, as primeiras en somerxerse no negocio foron as editoriais científico-técnicas e xurídicas, se ben a espiral de oferta e demanda é cada vez máis ampla polo que a chegada masiva de títulos é «imparable».
Amazon chega a un acordo con Publidisa
Compartir Este Artigo
